Eduardo Baamonde preséntanos as súas 'Epicromías' en Sargadelos
Unha obra tan suxerente como orixinal é a que nos amosa Eduardo Baamonde na pontevedresa galería Sargadelos ata o 31 de marzo. Unha aposta pola imaxinación e pola creación dun mundo cheo de obxectos e de espazos que conforman unha fuxida do noso mundo. Un soño do que non queremos saír presos da fascinación que nos produce a cor e uns elementos que nos fan perder o sentido do tempo. O artista amos así a súa confianza na mente do home como xerador doutras concepcións espaciais para alborotar ós nosos sentidos.
Achegarse á exposición de Eduardo Baamonde (Vilalba, 1962) é participar nunha festa, nun xogo no que nós mesmos somos parte importante del. Igual que lle ocorreu á pequena Alicia ó entrar nesa madriguera que a levou a caer no máxico país das marabillas, adentrámonos nun espazo onde o verdadeiro triunfo é o da imaxinación, esa ledicia imaxinativa que provoca a nosa evasión do mundo real, do que xa poucos elementos recoñecemos nos cadros.
É un mundo artificial pero no que pervive unha sensación de fantasía que transmite moi ben o artista ó artellar unha atmosfera propia en cada un dos seus cadros. Esta cuestión, a da atmosfera, tan complexa de xerar por calquera artista ante a súa obra, é, nesta ocasión, o elemento que triunfa no seu traballo en boa parte polo sorprendente manexo da luz e da cor nunhas superficies que, a priori, non parecen nada sinxelas de tratar, o fuxir de calquera aspecto realista. Como resultado obtemos estas ‘Epicromíasd’ como as bautizou o propio artista, creando unha nova palabra, na consolidación dese universo propio, individualizado e engaiolante o espectador. As caixas, ps faros, as estrelas, as escaleiras, as pelotas ou as casiñas son obxectos xurdidos dunha fecunda imaxinación como é a deste mestre de debuxo que fai da súa expresión plástica parte do seu compromiso educativo, xa non co alumnado senón con todos nós. Todas estas obras ensínannos as posibilidades da nosa mente, para crear espazos, mundos persoais onde poder poñer a funcionar a nosa imaxinación,
esa arma que moitas veces temos afastada do noso quefacer diario, debe ser alentada tras visitar esta exposición para facer un uso máis habitual dela. Camiñando polas superficies propostas por Eduardo Baamonde percíbense todo un cúmulo de sensacións, de soedades, de frialdades, de espazos moitos deles casi metafísicos que nos remiten o pintor De Chirico, xeografías onde o home non ten casi cabida, e son os seus obxectos, as súas creacións as que enchen os espazos xunto coa memoria que sempre está presente nestes traballos. Metáforas dunha memoria que actúa como un faiado, eses faiados onde os obxectos, xunto co paso do tempo, nos falan dos nosos recordos. De pasados que van aparecendo cada certo tempo no noso presente para traer á nosa mente esa percepción doutro tempo. É, polo tanto, esta exposición un feliz descubrimento de alguén que non fai demasiadas exposicións pola nosa cidade adicándose máis á ilustración de libros infantís, moitos deles escritos por el mesmo.
Son as atmosferas de Eduardo Baamonde, as súas Epicromías, unha aposta pola gran arma que temos todos nós, aínda que nos artistas esta se amose máis disposta a saír á luz, unha imaxinación que xunto coa súa mestría para que a luz e a cor sexan a base destes espazos irreais, é un escaparate para convertela nunha referencia para todos nós, facéndonos parte desa ledicia que xurde do seu emprego da súa forza como base da arte e da vida reivindicada neste traballo cunha forza que non deixa a ninguén indiferente.
Ramón Rozas
Diario de Pontevedra, 23/03/2008
© Eduardo Baamonde