Cunha ampla traxectoria ás súas costas, o pintor e ilustrador vilalbés Eduardo Baamonde, residente en Cambados, conserva a ilusión do primeiro día polo seu traballo. A súa ampla mostra artística abarca dende o pequeno ó gran formato, saltando das acuarelas ou das ilustracións infantís ata os grandes murais, coma os que poden verse nas inmediacións do Centro de Saúde de Vilalba ou no restaurante Montero.
-Como se combinan unha afección e unha profesión que ae moven nun mesmo terreo?
-Non perdo un día de clase, porque o meu traba11o é indispensable para manterse de pé, pero ir traballar é unha interrupción. Gustaríame dedicarme só á parte creativa, por iso, paradóxicamente, cando máis traballo é nas vacacións. Combinar as tres facetas, mestre, pintor e ilustrador, só se consegue con moitísimo traballo.
-Como definiría o seu estilo?
-A pintura permíteme expresarme, pero non de maneira explícita. As miñas obras non se captan nunha primeira lectura, porque hai máis complexidade que as formas bonitas. Trato de expresar un compromiso coas miñas ideas, porque creo que tamén debo facer unha reflexión, aínda que sexa a través dunha linguaxe codificada.
-Que o levou ó mundo literario?
-O nacemento dos meus fillos foi clave, porque sempre lles ando contando contos e historietas. Escribir é complicado, pero teño a vantaxe de que acomodo as dúas facetas e debuxo segundo escribo, ou viceversa.
-É doado traballar por encarga?
-Eu non quero prostituírme e agora quen me escolle faino porque lle gusta o meu traballo. Danme liberdade, xa que o que buscan é a miña forma de expresión.
-Que proxectos ten pendentes?
-Teño sobre a mesa algún mural e rematei outro conto infantil, distinto dos anteriores, que aínda non sei cando se publicará.
-E esta fin de semana estrea exposición en Tui...
-Si, levo meses preparándoa e estou coma un neno pequeno, porque nesta ocasión á pintura que estaba facendo, de impresións con obxectos que proceden máis da memoria ou do mundo onírico que da realidade, engádolles unha certa carga irónica. Disfrazados de xoguetes ou formas atractivas aparecen as miñas preocupacións como ser humano.
-Hai un ‘boom’ na literatura infantil ilustrada?
-Estamos vivindo unha idade de ouro, cun panorama que nunca se viu antes. En Galicia hai moitos e moi bos ilustradores e as nosas editoriais son punteiras a nivel internacional. Hoxe, antes de presentar un proxecto, tes que estar Seguro de que é xenial.
Cristina Pérez
El Progreso, 6/03/2007