O profesor, ilustrador e pintor vilalbés Eduardo Baamonde proclamábase gañador do XXVI Certame Galego de Arte 'José Domínguez Guizán' convocado polo centro cultural do mesmo nome con motivo do XLIV Nadal en Begonte.
- Pero, como se denomina a obra premiada?
A noite do soldadiño de chumbo. É unha 2ª versión sobre unha composición de fai uns anos que me atrae especialmente.
- Que representa? E que pretendía expresar?
Trátase dunha visión onírica sobre o paso do Tempo, a perda das raíces e das imaxes referenciais da nosa infancia en paralelo á persistencia dos temores que xera a anguria vital e a soidade. Todo isto dentro dunha escenografía na que están presentes elementos simbólicos que aparecen con frecuencia na miña obra: illas, faros, artefactos,…
- Conta xa no seu haber cunha mención de honra deste mesmo certame do ano 2010. Non era entón a primeira vez que concorría. Esa bagaxe axudoulle a elixir a obra que presentaba ao certame? Por que presentaba esta e non outra?
Recoñeceron o meu traballo neste certame en tres ocasións con mención de honra. E hoxe síntome moi satisfeito por acadar o primeiro premio. Mais non nos enganemos, en todos os certames hai sempre moi bos cadros e, xunto cunha certa calidade, hai que ter esa miguiña de fortuna para que o xurado sinale o teu cadro como premiado. E
- Ademais deste certame, tense presentado a algún outros, sobre todo, de pintura rápida. Que destacaría desta modalidade?
Sobre todo que é un reto pintar in situ e nunha sesión de 5 ou 6 horas. Apréndese moito e anima a exercitarse nas resolucións técnicas, cromáticas e compositivas sobre un tema sacado do natural. Na outra parte da balanza están os madrugóns, as longas viaxes, as inclemencias do tempo, andar cargados cos bártulos, os sinsabores das decisións dos xurados, etc. E, ás veces, o esforzo vese compensado con algún premio. Agora, despois de tantos anos, imponse o pracer de viaxar, de pintar e, por enriba de todo, de compartir as xornadas cos colegas pintores.
- A acuarela é unha das súas técnicas máis recorrentes como demostran algunhas das últimas publicacións nas que ten participado De acuarelas por Santiago (2010), editado por Edicións do Cumio, ou Vilalba e a Terra Chá – Acuarelas (2015), editado polo IESCHA. Pero tamén emprega o debuxo na súa tarefa como ilustrador para textos de literatura infantil e xuvenil en colaboración co escritor Ramón Caride, por exemplo, en Boca da noite (2004). Fálenos da concepción desta obra, a súa técnica...
Cando me encargan traballos de ilustración o primeiro que teño presente é o texto. Non para repetir exactamente o que narra, senón para complementalo ou enriquecelo con respecto. Son lector irredento e, polo tanto, amo os libros, os poemas, os contos, etc. E o que máis me gusta é empaparme da atmosfera que transmiten os textos e facer bosquexos de ambientes, de personaxes e de composicións. O problema case sempre reside en darlle forma definitiva a esa morea de debuxos previos. Esa parte é dolorosa, pois non sempre acadamos o noso obxectivo.
- Boa parte das súas acuarelas plasman paisaxes e localizacións de interese cultural, xa sexa patrimonial ou arquitectónico. A que se debe o seu interese por este tipo de paisaxes?
Dende fai moitos anos procuro acompañarme sempre que viaxo dun caderno e dunhas acuarelas. O que nun comezo era só un xeito de pasar o tempo converteuse, a medida que ía enchendo ás páxinas con debuxos e máis debuxos, nun proxecto de maior alcance. Gústame camiñar e viaxar contemplando de maneira activa e rexistrando o que teño ao meu arredor. E non me refiro só aos motivos patrimoniais máis recoñecibles, senón a todos aqueles encadres que sintonizan coa miña sensibilidade: recantos esquecidos, calellas, teitos, chemineas, ...
- A quen considera os seus referentes? Que lle teñen aportado?
Creo que hai demasiados referentes. Se teño que apuntar a clásicos digo Rembrandt, Daumier ou Hopper. Entre moitos outros, quede claro. E se de contemporáneos falamos, pois sinalaría a Gerard Mitchell, Miguel Herranz, Gibrat, Gipi, Luis Ruíz, Miguel Anxo Prado,… Apórtanme gusto polo trazo, pola plasticidade das luces, liñas puras ou dramáticas, emoción nas súas miradas. Pero, quizais, sen darme conta fai tempo que non penso en ninguén cando pinto e que me saen as cousas baixo a miña persoal mirada e o meu sentimento.
- Fálenos da súa paixón pola ilustración. Como naceu? E que anécdotas recorda dos seus inicios na pintura?
A miña paixón pola lectura é incurable. Como tamén o é o pracer de recrear as escenas fantásticas que se orixinan trala lectura. Ilustrar, sexa un conto, unha viñeta ou un cartel é sempre un reto marabilloso. As moitas anécdotas que xorden ao longo desta traxectoria quedan eclipsadas polas moitas dificultades, imposicións e fracasos que rodean esta actividade. Isto converteuse nunha maratón que dura toda a vida.
- Logrou mesturar os seus gustos persoais cunha carreira profesional orientada ao ensino. Pero, que aspectos destacaría das súas tarefas como pintor/ilustrador e como profesor?
Confeso que a miúdo o meu traballo no ensino supón un atranco para desenvolver os proxectos persoais ou me ocupa máis tempo que o desexado para sacar adiante traballos que esixen unha constancia especial. Pero, dadas as circunstancias actuais, nin se me ocorre queixarme. Considérome afortunado por ser quen de compatibilizar as dúas tarefas. Os meus alumnos venme debuxar e pintar case a diario, tanto no espazo da aula como nos tempos e nos espazos fora de clases e iso reverte, sen dúbida, nunha maior captación da súa atención. E, por outra banda, o feito de debuxar todos os días con 20 ou 30 persoas observándote, fai que non teña ningún receo á hora de pintar na rúa.
- Cre que están suficientemente valoradas as artes no ensino medio?
Non. En absoluto. Nin o debuxo, nin a música, nin a expresión corporal, nin as artes escénicas. Estamos asistindo a unha irreparable perda de valores culturais e artísticos que axudarían a aumentar a creatividade das persoas e, en definitiva, a fomentar o libre pensamento. Pero iso, claro está, é o que non lle interesa aos poderes establecidos.
- Finalmente, recordamos que ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas; pero tamén ten colaborado con este xornal, o terrachá.xa, na realización de láminas que foron distribuídas conxuntamente con esta publicación mensual. Pero, na actualidade, en que proxectos traballa?
Xunto coa miña dona Anabel comezamos a andaina dun proxecto editorial chamado Almacén de Fábulas do que o primeiro caderno de viaxe foi De acuarelas por Pontevedra que tivo unha magnífica acollida nesta cidade. Estou traballando no segundo libro e … xa veremos a onde chegamos. Paralelamente estou preparando dúas exposicións. Unha para a Galería Besada de O Grove e outra para a Sala BBVA de Oviedo.
© Eduardo Baamonde