Entrevista ao pintor vilalbés Eduardo Baamonde
Preto de setenta exposicións de cadros, trece cadernos de viaxe, catro libros infantís e sesenta e cinco premios –coarenta e dous na especialidade de pintura rápida- conforman a longa traxectoria do pintor Eduardo Baamonde, nado en Vilalba (Lugo) e afincado na vila de Cambados, en Pontevedra. Ademais de ser pintor, Baamonde exerce dende o 1988 como profesor de Debuxo no instituto de secundaria de Vilalonga (Sanxenxo), a raíz dos seus estudos cursados na Facultade de Historia de Santiago de Compostela. Dende moi xove comezou a sentir admiración pola arte, sendo as súas primeiras obras gravados, e xa a principios dos oitenta empezou a expoñer en varias galerías de diferentes partes de Galicia, como Ribadeo, Vilagarcía de Arousa, Vigo ou A Coruña. Tamén é de destacar a súa labor como ilustrador, pois participou en dous libros do escritor galego Ramón Caride. Como autor, tanto do texto como dos debuxos, publicou os libros infantís Tanta Miga e a súa barriga e Pulgastel , e de cadernos de viaxe como De acuarelas por Santiago, A Mariña de Lugo ou O Salnés en acuarelas. Na actualidade, divide o seu tempo entre a docencia, asistir a numerosos concursos de pintura ao aire libre e preparar un proxecto da man da editorial que posúe coa súa muller, Almacén de Fábulas, especializada na publicación de cadernos de acuarelas.
Baamonde atópase un día chuvioso no seu estudio repleto de cadros de Cambados, cun mandilón completamente manchado, e pintando. A primeira pregunta é case obrigada:
- Que estaba pintando agora?
Unha illa cun faro ao que se arrexuntan varias edificacións como se fosen setas que xorden dun vello tronco. E, como é de agardar tratándose dunha illa, o mar, as rochas, a area e o ceo.
- De todo o que pinta, que é o que máis lle gusta pintar?
As paisaxes interiores, sen dúbida. Aquelas que nacen das nosas emocións, das nosas inquedanzas e, en definitiva, da nosa imaxinación. As illas nas que traballo nos últimos anos non se atopan en ningures. Aínda que se podan rastrear detalles referidos ás illas do Mediterráneo, do Báltico ou do Índico, todas elas son invencións. Penso que as illas representan case á perfección un territorio fronteirizo entre realidade e fantasía, no que a todos nos gusta deambular de vez en cando. Na miña pintura é moi importante ese xogo entre unha escena que, a simple vista, parece sacada da realidade, e cando a observamos con atención non vemos máis que unha paisaxe soñada.
- Ao ver todos estes cadros, é evidente que non se limita a utilizar unha soa técnica pictórica. Cal emprega máis?
En xeral a todos os pintores nos gusta ensaiar con varias técnicas e, co tempo, empregamos a que mellor dominamos ou a que mellor expresa o que pretendemos contar. No meu caso a técnica predominante é a acuarela. Serve para facer bosquexos rápidos, para saír a debuxar á rúa sen ter que trasladar moitos bártulos, para facer apuntamentos audaces nun caderno dunha idea ou dunha paisaxe e, tamén, para facer cadros delicados e complexos. É unha técnica moi agradecida en canto que cunha miguiña de auga e un toque de cor podemos crear un cadro moi vistoso. Outra cousa e chegar a dominala en todas as súas posibilidades. Iso pode ser cuestión de aprendizaxe para toda unha vida. Cando fago outro tipo de traballos, sexa pintura rápida ou encargos de medio ou gran formato, emprego o acrílico, pois permíteme traballalo fluído como unha acuarela ou denso como o óleo, dependendo do efecto que trato de conseguir.
- Como definiría a súa pintura?
Para min pintar consiste en crear imaxes que non poden atoparse na realidade. Ou polo menos, non na súa totalidade. Considero que a pintura, ao igual que a literatura de ficción, sobre todo, debe ser unha expresión de afectos, de sentimentos, de ideas, de paixóns, etc. Se estamos nunha habitación cunha ventá que da ao mar, para qué vou representar con absoluta fidelidade nun c adro os mesmos barcos ou a mesma praia que podo ver pola ventá? Prefiro crear unha superficie distinta na que se reflicte unha interpretación plástica persoal, sexa desa mesma paisaxe ou doutra. Polo tanto a miña pintura podes definila como onírica, poñamos por caso. Tamén como figurativa, pois moitos dos elementos que aparecen nela son recoñecibles. Non sei, As etiquetas poden servir para facer unha rápida clasificación, pero parécenme mutilacións do que verdadeiramente queremos expresar.
- Hai algún pintor que o inspire?
Penso que todos comezamos a pintar imitando mestres clásicos. Cústame citar só un mestre, pois a propia evolución persoal vaite levando duns a outros. O mellor é que che solte os primeiros nomes que me veñen á cabeza. Quizais dentro de media hora se me ocorren outros, pero estes son determinantes: Rembrandt, Caravaggio, Daumier, Corot, Degas, Boldini, Pinazo, Schiele, Ramón Casas, Sargent, Sorolla, Grosz, Bacon, Hopper,…
- Cal consideraría que é o mellor artista de todos os tempos?
Non é doado contestar a esta pregunta. Comprenderás que cada artista debe apreciarse no espazo, no tempo e nas circunstancias que lle tocaron vivir. E, ademais, en cada tempo podemos ter un preferido, pero somos conscientes de que houbo outro máis influinte ou determinante. Por exemplo, se nos centramos na riquísima primeira metade do século XX, poden atraernos Chagall, Klee ou Schiele. Sí, pero é que tamén andaba por aí un tal Picasso. Ben, con todos os reparos explicados, confesarei logo que o que máis admiro é Rembrandt
- Ao longo da súa vida, fixo cadros, ilustracións para carteis publicitarios, libros para nenos ou cadernos de viaxes. De cales considera que se sinte máis orgulloso polo desenvolvemento e polo resultado obtido en cada un deles?
Cada unha destas facetas ten unha función visual diferente. Non é o mesmo ilustrar contos para nenos que facer cadernos de viaxe. Probablemente no terreo que me atopo mellor é pintando cadros nos que me expreso con enteira liberdade.
- O caderno de viaxe é moi popular en Francia, e en España aínda non se desenvolveu o suficiente. Por qué considerou que era importante facelos?
Porque serven de guía de viaxe, de lembranza dunha visita a outra cidade ou país, polo seu ton desenfadado e sen pretensións, pola frescura dos debuxos e, fundamentalmente, da acuarela e por reflectir un novo xeito de viaxar. Facer sketching significa saír á rúa coa intención de observar de xeito activo o que sucede ao noso arredor. A xente fai fotos. Miles de fotos cun móbil. Pois ben: eu miro con atención e debuxo no meu caderno, apunto, escribo, garabateo…
- Cal é o libro de viaxes que máis lle costou facer? De cal está máis contento?
O de Pontevedra foi un caderno moi elaborado e con moitas acuarelas e co de Viveiro quedei moi satisfeito.
- Qué libro de viaxes en especial desexaría facer?
Estou agora dando os primeiros compases con dous ou tres interesantes proxectos sobre Galicia, pero xa postos a debuxar outras localizacións, diríache: Sicilia, Marrocos, Gales, os faros de Escocia, Estambul, etc. etc.
- En que momento e por que decidiu crear unha editorial propia?
Para poder facer o que nos apeteza en forma e contido e non ter que seguir os dictados doutras persoas con intereses e intencións moi dispares das nosas.
- É profesor de secundaria nun instituto, pintor e ilustrador o resto do tempo. Como é para vostede ter que compaxinar os dous traballos?
Moi esforzado e nada sinxelo, xa que son moitos os días nos que desexo saír á rúa pintar ou quedarme no estudo rematando algún traballo e teño que cumprir co meu horario laboral como profesor. Ben é certo que un non pinta só cando ten o pincel na man. Quero decir que, incluso no horario escolar sempre atopo un oco para debuxar no meu caderno ou rexistro unha idea no primeiro papel que teña á mano u na mesma pizarra. En plan caricatura, isto sería algo así como non deixar escapar a inspiración, aínda que me pilla explicándoos polígonos.
- Que é o que máis e o que menos lle gusta dos dous traballos?
A desconexión coa realidade da administración educativa, a ausencia de curiosidade,a desmotivación e a desidia dos alumnos xunto coa devaluación da educación por parte dos país, fai que o único que me interese é refuxiarme na miña pintura.
- Cre que se pode vivir só da pintura, por moi bo que podas ser?
Iso non é moi factible hoxe en día e moito menos en Galicia onde só uns poucos escollidos poden vivir da súa arte. Con moita fortuna pode vivir da pintura un individuo. Sacar adiante unha familia case é un imposible.
- Que consello lle dá á xente que quere dedicarse á pintura?
Non renderse nunca ante as moitas dificultades que lle sairán ao paso. Copiar ou imitar para aprender, sí. Pero despois só debe contar a expresión dunha linguaxe persoal. A persoa que comeza a crear debe estar convencida das súas posibilidades e de que o que ten que contar ou mostrar paga a pena investir toda unha vida en conseguilo.
- Realmente, que sente vostede cando pinta?
Unha enerxía liberadora que me permite illarme por uns intres das infamias, das insidias, das torturas, das barbaries e dos enganos cos que temos que convivir a diario neste mundo rebosante de delirios e desfeitas. Tamén me otorga un ensimesmamento que axuda a coñecer mellor tanto o meu interior como o dos meus semellantes. A pintura faime pensar, reflexionar e, incluso, se queres, filosofar. En suma: pintar é sentirse vivo.
- E xa falando de futuros proxectos, pode dicir cal pode ser a súa próxima obra?
Sigo avanzando na serie das illas, os faros e as cidades imaxinarias, tanto en acuarela como en acrílico ou óleo. Quero expoñer as acuarelas nunha feira en Francia neste verán e, quizais, editar un caderno cunha selección destes traballos.
CUESTIONARIO TIPO:
- Unha obra de arte pola que pague a pena quedarse horas a mirar:
Case todos os autorretratos de Rembrandt, sobre todo os dos seus últimos anos. Penso que ninguén chegou ao grao de introspección ao que chegou él.
- Un libro que o marcou:
Nada que temer (Julian Barnes), pola parte dramática. El amor en tiempos de cólera (García Márquez), pola parte entusiasta.
- Unha película que non pasa de moda:
Que non pase de moda é moito pedir. Que nos guste moito, aínda que pase de moda: Annie Hall
- Unha canción única:
Grándola vila morena
- Un lugar para perderse:
Para perderse cerca, o Courel. Para pasarse a vida perdido, un barquiño percorrendo o litoral de porto en porto polo Mediterráneo
- Unha comida da que non se canse:
Carnes á grella
- Un momento especial concreto:
Xogar nunha praia de Ribadeo, case deserta, cos meus fillos.
- Un museo de visita obrigada:
Diríache que o Rijkmuseum de Amsterdam. Pero como hoxe é impensable entrar nun destes grandes museos sen estar rodeado dunha morea de xente, dígoche que mellor visitar pequenos museos ou fundacións como o do Noucentisme de Sitges, o de Toulouse-Lautrec de Albi, …
- Algo que non soporte:
A mala educación, a ignorancia, o sectarismo e a brutalidade. Todo o demais –guerras, violacións, asaltos, terror, extorsión, tiranías, expolios e degradacións- xermola na burremia.
- Unha inxustiza social que hai que erradicar:
Todas as inxustizas sociais, así como as políticas e as económicas, parten da inexistencia da Educación ou dunha pésima Educación ou dunha Educación teledirixida por gobernantes dictatoriais. Unha sociedade ben educada é unha sociedade resistente ás inxustizas.
- Algo que ame:
A música.
- A pintura é, nunha palabra:
A vida. Ou, polo menos, un xeito de pasar pola vida para ofrecer aos demais un anaco de beleza.
© Eduardo Baamonde