Eduardo Pérez Baamonde, Pintor: www.pintoresgallegos.com

El pintor Eduardo Pérez Baamonde: Texto de Ludovica Fortunata


El pintor Eduardo Pérez Baamonde
As tres figuracións de Eduardo Baamonde

A primeira figuración de Baamonde despreza a mímese. Inviste o pincel en agromar especies que el mesmo alcuma como melancómicas, esas mesturas fantásticas que semellan unicornios imposibles, adornados, en troques do corno mítico, con sombreiros de longa sombra. En ausencia de horizonte ou de puntos de fuga (máis ben de fuxida), as severas olladas dos figuríns, con anatomía de polígonos e poliedros, solicitan auxilio. Miran cara fóra, interrogantes, coma desde unha gaiola de lenzo. Tras o vestiario de circo e o atrezzo de tristes comediantes da legua, estes melancómicos, compostos de rombos e cilindros, rogan espirse, piden abandoar este trampantollo que Baamonde colorea estridente. A pintura, xa que logo, atende a súplica e decora o inestable pousar das máscaras.

A segunda figuración de Baamonde nega a mímese. Paira o pincel no medio dun mar invisible e abarca unha ribeira, unha illa con ponte e faro, ou a nature morte dunha gamela en descomposición. Detén as liñas dunha rúela, dunha espadaña, dun camiño fuxidío, diluídas por trazos de esponxas que poñen terra por medio, entre o cadro e a ollada. Nas paisaxes acuareladas de Baamonde apenas camiña ninguén: semella todo quedo, despoxado, desprovisto, sen o atributo da fervenza. Se cadra para ser habitado nese acto en que, coa mirada, fica inaugurado o artificio da vida.

A terceira figuración de Baamonde aprecia a mímese. Os rostros familiares, as facianas senlleiras, vencen ao lenzo. O formato agrándase, expándese, aliméntase cos individuos que o espectador recoñece. Suprime Baamonde a barreira, ese territorio de ninguén, que coloca (ás veces de forma invisible) entre o suxeito da ollada e o obxecto imitado. O pudor, case académico, dos panoramas naturais e a prevención irónica, sarcástica, irrisoria, case ridícula, dos monigotes melancómicos disípanse nos retratos individuais. Os nidios perfís humanos, colocados á medida da persoa que contempla, sométense ao rigor dun dobre encadre de homenaxe: o das persoas representadas, solemnes e desafiantes, e o da propia pintura de Baamonde, que se eleva e triúnfa sobre a indeterminación dunhas figuras atrabiliarias e sobre o lánguido movemento dunha auga de acuarelas.

Nos fermosos ollos deses personaxes supera Baamonde a mímese e advírtese, por entre as súas pálpebras, unha nova dimensión da súa pintura.

Ludovica Fortunata
Giornalista di Corriere della Notte