Por Xulio López Valcárcel
A mañá de primavera reverbera a súa luz nas camelias, nas adelfas, nas silveiras, nas borletas, nos rododendros. Manuel Gandullo convídanos ao seu estudo. Despois de gañar unhas curvas estreitas e bastante sinuosas, chegamos á casa ampla. Na parte de diante, un cuidado xardín; detrás, a finca que se alonga rectangular ata o bosque. Non se pode reprimir unha sensación de aglaio ao pisar o céspede mol e, maiormente, ao escoitar o río que beirea toda a parte dereita do terreo.
Manolo e Elena, nun traballo paciente e demorado, foron empedrando as orelas do río, que discurre en sixiloso rumor por unha canle bastante fonda. Aínda hai algunhas pedras ciscadas á espera da definitiva ubicación. Despexado no centro, que serve de paseo, os laterais do predio aparecen salferidos por salgueiros, amieiros, loureiros e diversas árbores froitais: pomares, pereiras, pexegueiros, limoeiros, figueiras e laranxeiras, que aínda conservan o froito, entre outras.
-Hás levar unha saqueta de laranxas –anúnciame Gandullo.
Ao fondo da finca, detrás dun recodo do regato, o bosque. Denso, tupido, umbrío. Sorprendente, xaora, se lembramos que nos atopamos nunha urbanización. Non o parece, nuns metros pasamos da civilización coñecida á boscaxe enigmática. Para resaltar o incontaminado, o puro, o xenuíno do lugar, Gandullo sinálanos, con disimulado orgullo, as pegadas do xabaril, que aproveita o retirada nocturna para adentrase na finca.
-Velaí o pezuño..., e aquí o fuciño –indica.
Seguimos por un anaco paseando e dándolle ao petelo, pero viñemos a outra cousa, e o tempo apremia. Entramos ao estudo e dispoñémonos a ver os cadros.
A pel da auga.-
Fulgor, luminosidade, transparencia..., son algunhas das impresións que
deseguida percibimos cando contemplamos unha obra de Manuel Gandullo. Augas, ceos, ceos que se reflicten nas augas, paisaxes, a natureza en xeral é o tema reiterado, con novas variacións, con captacións distintas. Gandullo é un pintor de exteriores, un pintor namorado da paisaxe que o rodea, unha paisaxe doce, suave, que ten a ría de Sada e Betanzos e o propio entorno do seu domicilio como motivos a representar.
Sexa desde as Mariñas, sexa desde os bosques sagrados e profundos de Lugo, a proposta de Gandullo é neta, esencial e fundamentalmente galega. Todos os asuntos que a Gandullo lle interesan, todos os desafíos que se prantexa á hora de encetar un cadro, están presentes na paisaxe.
Nomeadamente a luz, que se irá modificando co paso das horas, e en función das condicións atmosféricas, da mesma maneira que as variacións e as matizacións colorísticas e cromáticas, e aínda a calor e os cámbeos climáticos e térmicos que tamén son motivo de interese para o pintor, e que trata de expresalos na súa pintura. Ao igual que a luz, a temperatura vai mudando ao longo da xornada.
Non é o mesmo a sutileza queda dunha mañá de inverno neboenta, chumbiza, en tons case monocromáticos, nos que a natureza se agocha e esconde que a refracción tremerosa do sol nas flores de primavera, ou a luz implacable e contrastada en sombras dun alto día de verán.
Natureza viva, espontánea, fluinte, en aparente repouso pero en continuo cámbeo, en perpetua mudanza, sempre, aínda sen percibilo. Bosques, arbustos, parterres, ríos, mares, pontes, prazas, cidades. En todo momento, os referentes de adelgazada espiritualidade, de sensualidade enfática, case olfativa, ou de representacións nas que domina unha maior austeridade, son exteriores.
Paisaxes exteriores que se reflicten como se captan. A meditación, se é que existe, se a hai, que non o sabemos, é anterior. No momento de pintar, a fluídez e a rapidez son consubstanciais para transmitir o tremor, a vibración, a intensidade escentilante que fire os ollos. “Pel da auga, pel do aire”, vénsenos á cabeza a proposta sutil, precisa, da pintora Ángela Gavilán, ben é verdade que aplicada a outro contexto. Nada tan aproximado, en efecto, a pel como órgano perceptor e sensible, que se extrema no caso da auga e do aire, ata poder respirar o aire e oler a natureza, se pode acaer mellor para definir a obra de Manolo Gandullo.
Xeórxica.-
Auga escorregante, fluínte, calada nas enseadas e rumorosa en dioivos, caneiros e torrenteiras. Paisaxes mariñas e paisaxes fluviais nas que o pintor se delecta e satisface na representación da auga. Superficies nas que os matices lumínicos e cromáticos van experimentando un gran número de variacións. Como ocurre no impresionismo, e o estilo de Gandullo podemos adscribilo a un “impresionismo figurativo”, a presenza da figura humana é pouco frecuente e cando aparece é para resaltar ou para suliñar a densidade ou fondura da paisaxe; en defintiva, para humanizala.
Todo aquilo que non sexa paisaxe é mero pretexto para que unha vez ubicado se poda representar en todas as súas variantes e dimensións a paisaxe; cando antes, no clasicismo, era xusto ao revés, o importante era a figura humana, que por non parecer sosa, neutra, ou descontextualizada había de ser arroupada con algunha paisaxe de fondo.
Rube a xeórxica –non atopamos maneira máis fermosa e gráfica de expresalo, que recordando a Otero- na eclosión lumínica e vital das acuarelas de Gandullo. Unha xeórxica vasta e farta, na que a natureza se incendia de fragancia e colorido, de forza, exultación e gozo incontibles.
Superado o inverno –ao que Gandullo dedica tamén puntuais pero non por iso menos valiosas obras, nas que reflicte a intensidade concentrada, a matización grisalla, tan elegante e fermosa-, ao xeito, diriamos, dun necesario exercicio espiritoal no que que a natureza ensimesmada e dormida se reclúe en si mesma como alma en meditación, rube a xeórxica de savias, fluídos e nutrintes.
Explota a vida nos bosques e lameiros, no canto unánime de todas as criaturas. Tamén a cor é canto, as xerfas, as escumas, os reflexos, o batigar das ondas, das ruxidas e das fervenzas, nun xogo que tenta captar, sen contradicción, o veloz e o instantáneo.
Hai movemento, pero movemento intuído, na maior parte das ocasións, porque o que Gandullo capta é a instantaneidade dese movemento, como un lampo fixado do tempo, como unha eternidade inmóbil. Calma, quietude, silencio, levidade do aire gratificante, teñen acubillo pleno e harmónico na pintura de Manuel Gandullo. Recrea unha sensualidade case táctil da vizosa e florecente natureza: as árbores, a eclosión solar, as luces filtrándose entre as nubes, desde o ceo, barcas vagarosas deslizándose pola ría, ondulación de liñas e de cores, nunca alta mar axitada. Si, Gandullo recolle mariñas de abandonada placidez, vastas forestas, castiñeiros centenarios en soutos impávidos. Non é un pintor romántico, a pintura de Gandullo ten unha serenidade clásica.
A paisaxe que Manuel pinta é unha paisaxe natural, non tocada, non ordeada por man humana. A súa exhuberancia creadora deriva da súa permanante disposición, dese contínuo estado de aberto, preparado para recibir, para recoller. Válese para iso duns cadernos de notas nos que de maneira sistemática e ordeada realiza apuntes, esboza temas, anota ideas.
É a súa unha persecución da luz e dos seus movementos, como cazador á espreita da beleza. Luz é cor son as grandes protagonistas do seu traballo. Luminosidade preservada do sul onde naceu e vivida, con devoción e intensidade, nas mariñas coruñesas, ese microclima cuase mediterráneo que conecta coa “volutas”, coa percepción directa e inmediata da realidade, a través dos sentidos máis que da mente. Demorado no goce das sensacións, a vivencia achégase, nun plano espiritoal e ideolóxico, ao edonismo grecolatino.
Forza lumínica e cromática de menceres e solpores, perpectivas abertas cara a fondura, moi potentes, pero coa ductilidade necesaria para matizar todo este inxente caudal de vida e de vibración con gasas, veladuras e difuminacións que aportan a parte entresoñada, misteriosa. A miúdo, coa luminosidade nun primeiro plano e a neblina e a brétema máis ao fondo. Sen abolir o concepto de perspectiva euclidiana, aceptando o “punto de fuga” clásico e eliminado a bidimensionalidade da pintura plana.
As obras de Manuel Gandullo captan a existencia en si mesma, sen preguntas nin retóricas, sen esencias inamobibles; todo é fugaz, como as burbullas que abroian nun líquido e estoupan contra a superficie, todo muta e cambia e eses cambios son perceptibles segundo as condicións baixo as que fagamos a observación.
Luminosidade.-
Aire libre, manchas cálidas, cores brillantes e contrastadas, pincelada libre, rápida, intuitiva. A atmósfera, a transparencia, asumidas con intensidade e fervor, son as claves da súa obra. A primeira consíguea con esquemas compositivos nos que se recollen as tonalidades a través de luces altas e laterais que iluminan o espazo, tratando as partes máis alonxadas con manchas escuras. Parte Gandullo dun certo realismo pero non se agota nel. Non ten unha vocación documentalista, testemuñal. Son temas, imaxes da vida cotiá, pero transcendidos nun lirismo puro, nunha asepsia de limpidez e de beleza.
Todo muta, dicimos, pero non todas as cousas o fan coa mesma rapidez. A Gandullo interésalle aquilo máis sensible aos cambios, o paso das estacións, ás árbores e as follaxes, a auga, os xogos de luces, as nubes, os ceos.
Non nos deteremos en cadros concretros, en titulos puntuais, cousa que quizais fose necesaria, dadas as diferencias entre uns e outros, con temas, formatos e tratamentos distintos; preferimos facer unha análise global e de conxunto, incluídos os aspectos cronolóxicos, sen distinguir etapas, como un “totum” consolidado, sen evolución. Ou habendo evolución, que é indudable que existe, valorando os trazos comúns, as características máis definitorias da súa pintura.
Se o problema é a instantaneidade, propiciada pola propia técnica da acuarela –aínda que Gandullo manexa tamén o acrílico- cómpre resolver o desafío de captar inmediatemente o motivo, dado que pola súa propia condición, ao cabo dun momento terá cambiado a intensidade da luz, as nubes, as sombras ou calquera dos elementos representados. A luminosidade pola luminosidade semnella o obxectivo. Como revelación gozosa da existencia, como afirmación da vida sobre o imperio da morte, se se nos permite poñernos transcendentes, cando a transcendencia pode ser un erro. Porque tempos o convencemento de que Gandullo non pretende unha pintura de densos conceptos nin grandes voos filosóficos. O seu propósito é máis humilde, non por iso máis doado. Captar, sen xuízos nin valoracións, a beleza que o rodea, a través dunha pintura áxil, xa que de facelo de maneira máis repousada e analítica, resultaría imposible.
Sabido é que a pintura clásica incidía na seriedade e na contricción, posiblemente influída pola moral e polos encargos da Igrexa. Seguindo o ronsel dun postimpresionismo ben asimilado, Gandullo, ao contrario, proponnos unha recreación solar e pagana, unha epifanía da luz e da alegría. Seguindo esa idea que parte do Renacemento, faise realidade no impresionismo, cando se ofrecen cadros luminosos en antítese cos sepias consagrados pola tradicción, e segue con vigoroso pulo en certos pintores actuais.
Nesa liña de coherencia, o universo vexetal captado por Gandullo, enseñorea un universo de sensorialidade amena, grata. A auga como tema, o amor a auga, desposada coa luz, unindo dous elemebntos complementarios que ofrecen unha gran riqueza de resultados. Auga estancada ou auga movediza, porque funciona tamén como espello no seu delicado seo, xoga con ela, cos seus brilos, coas súas irisacións, centelleos, rielando, esvarando pola súa superficie, escachando en foulas e salseiros, suxerindo a súa superficie ou revelando en verdes escuros e en azuis a súa profundidade.
Mutante.-
Non nos sorprendeu a confesión de Gandullo cando nos dixo que en cadros de gran formato, o esforzo físico é moi notable, indispensable para rematar un cadro dese tamaño en apenas un par de horas. Un traballo contra o reloxo. Polo motivo antes aludido da necesidade urxente de captar unha natureza e un instante cambeantes e porque, desde un criterio técnico, sabemos dos problemas da acuarela, que non admite dúbidas nin rectificacións: o pintor ha de ter a clarividencia e a técnica suficientes para resolver o duelo que se lle presenta con celeridade e eficacia.
Pinceladas soltas, rápidas, nervosas, nun estilo vigoroso pero ao mesmo tempo flexible, integrando todos os elementos nunha afinada harmonía, nun axustado equilibrio. Gandullo é, ademais, un purista. Defende a técnica rigurosa, a acuarela sen outra achega nin mestura. Nin témpera, nin salpicaduras, nin aportacións de ningunha caste que as estrictamente establecidas, por máis que outros o fagan, cousa que el non ve mal, pero que a título persoal rexeita.
Conscente de que a percepción das formas vén condicionada polas cores máis que polo debuxo, e baseando na vitalidade, no instantáneo e no repentino a súa producción, para Gandullo o importante é partir do branco do papel, que é o dado, e ser conscente de que esa é a base que sempre está aí, que hai que preservar. Virán logo os aportes de cores, fundamentalmente azuis. Azul cobalto, ultramarino..., amarelos, verdes. Non emprega Gandullo o negro como –recordemos- tampouco o facían Monet e os impresionistas. Alegaban que o branco puro non existe, xa que a luz o carga de matices; do mesmo xeito, a observación demostra que as sombras nunca son negras, senón coloreadas. A Gandullo o negro fáiselle moi duro e os tons escuros pódense acadar coa mestura de grises e sepias.
Dicía Juan Román que a transparencia igualaba á divinidade, e que existe e que se percibe máis cos ollos da alma que cos ollos físicos. É o deslumbramento, a epifanía, a revelación. Na mesma liña, Jorge Guillén di, “lo profundo es el aire”. Esa é a cuestión, o desafío que Gandullo resolve sen molestarse moito en propostas persoais nin en enxundiosas alternativas. A natureza que el pinta exprésase tal cal é, sen reservas nin axitacións.
Serea, intemporal, dun dinamismo estático, marcada por unha atmosfera inmóbil na que é perceptible o que se percibe e tamén o incorpóreo, o intanxible. Non hai, porén, nin se bota de menos, ningunha referencia simbólica. El non se interroga, non se pregunta nin valora. Sospeita ou estima que a pregunta é inútil porque a resposta non existe, talvez porque resulta soberbio ou ridículo preguntarse pola composición da mazá cando o que temos que facer é collela e degustala. Non hai na súa proposta ningunha rotura coa orde establecida, non hai crítica nin posicionamento.
E se falamos de transparencia haberá que introducir outro concepto, o da clarividencia, non como claridade deslumbradora dos sentidos, senón como interna radiación do sentimento. Así entramos no mundo da clarividencia que é elemental, intuítivo, case apriorístico na percepción aínda que obviamente requira un esforzado traballo previo. Unha nitidez que envolve e delimita as cousas, que as ilumina por dentro e cara afora, que as ordea e que as explica como se nos fosen reveladas baixo unha aura nova e diferente, tendo, sen embargo, a sensación de que sempre “estiveron aí”.
Hai, pois, aceptación, acomodación. O que fai Gandullo é deixarse posuír pola luz, impregnarse dela, bañarse nela, na súa potencia e nos seus matices e expresala cunha técnica moi precisa, axustada a cada forma, con fervorosa intensidade. Unha interiorización de arelas permanentes, nacida das máis directas, das máis inmediatas vivencias, presentes a cada instante do noso camiñar diario, pero descubertas polo pintor, recollidas, potenciadas, sublimados, restituídas ao seu verdadeiro sentido.
Comentábame Pedro Bueno, de volta do estudo de Gandullo, que o “principal na arte é a sinceiridade”. Estamos de acordo. Sabemos que a sinceiridade é un valor moral máis que artístico pero é esencial para que a obra posúa o celme, a carga, a verdade que precisa. E a verdade de Gandullo é esa sinxeleza conceptual, esa carencia de prexuizos, ese aceptarse sen transcendencia. Evidentemente pode ser alcumada de acomodaticia, de conservadora, de burguesa, pero é “a súa verdade”. E hai que respectala e valorala.
Recoller esa ofrenda que se entrega sen remorso nin culpa, pura, limpa, libre de peso, no tremor, na dozura do verde claro, como un fondo de amor, o horizonte en fuga, a transparencia, a unidade dun mundo que estaba, si, pero que de novo foi creado. O pintor instálase nese centro, como no medio dunha esfera, que é o mesmo que dicir no medio da perfección, rodeado pola natureza. O pintor é un simple medium que traslada ao lenzo, ao papel, esa percepción, en plena efervescencia, a sol batinte.
Simple é o punto de partida, nada que non estea ao alcance dos nosos ollos, da nosa consideración. Case poderiamos considerar trivial o feito, a anécdota, o tema desencadeante. Gandullo parte do pequeno para acadar o grande. Como un grito maravillado, como unha afirmación, un si intensificado, no que o artista non xulga nin cuestiona. Simplemente recolle e constata. Libertade, plenitude, perfección na pleamar do instante que se degusta con fruición.
Imáxes diáfanas, moi próxomas á sensación. De aí podería evoluir cara algo menos dado, máis escondido, cara a abstracción. É algo que está por ver e que podería darlle resultados satisfactorios. Luz e aire, mar e ceo, a vida na súa urxencia e na súa actualidade, fugaz, continxente na súa percepción, e parellamente captada e comprendida na súa verdade. O aglaio, o canto, a ebriedade vital. O fulgor do paraíso.
Xulio López Valcárcel