Paco Ascón

EspañolTextos en castelán
Paco Ascón. Dixeron da súa pintura:

"Paco Ascón interpreta o medio no que habita o ser humano e faino dun modo tan sinxelo que moitas veces son poucos os artistas que o conseguen. Case toda a obra está carente da imaxe do home, pero non da esencia, a da razón do seu destino, que flutúa moito máis alá do espazo atrapado pola visión pictórica. Paco Ascón é, sen dúbida ningunha, un artista sagaz e intelixente que fai reflexionar sobre a absoluta melancolía das cousas que van perecendo na metafísica do tempo".
Alfonso Gallego


"O signo máis elemental, a mancha clara e escura máis pequena e a simple aproximación de cores (que dividen ou rompen unha superficie) son os medios que Paco Ascón emprega para lograr un avance ou retroceso de plans e crear un movemento ou unha profundidade imaxinarios".
Antonio Masdías


"Paco Ascón e a súa obra teñen un perfecto equilibrio e medida. Traduce a súa serenidade e a súa claridade de concepto. Coñece ben a perspectiva que utiliza para o logro equilibrado do cadro a través da liña e da cor. Isto fai que poida recoller a psicoloxía da paisaxe transmitindo con precisión o clima con toda a súa intensidade. Non se trata dunha pintura exactamente realista. Transforma o realismo nunha mensaxe poética e transcendente. Non son as partes senón o todo o que transmite a mensaxe. É a recreación da realidade para obter unha irrealidade mediante a luz lograda pola técnica de traballar a cor".
José M. Kaideda


"Na mostra que ofrece Paco Ascón cabe destacar e impresiona a boa factura dos seus cadros cunha paleta de amplos matices, destacando a sobria, aínda que coidada elaboración con pinceladas de perfecto emplaste que se completa, e con ben logradas composicións, en temas tan dispares coma as brumosas paisaxes ou as recónditas voltas das rúas, sen esquecer esas prazas nas que a luz xoga a filtrarse baixo os arquitectónicos soportais."
Mario Velo


"Paco Ascón é un recoñecido pintor galego que como paisaxista urbano é documental como os ilustradores do século XVIII, posúe unha luz singular e gusta do penúltimo deseño da cidade europea. E como paisaxista rural é emocional seguindo a intensa nómina da Escola Galega da Paisaxe, e agradablemente premioso ante a análise formal da natureza".
Lucindo Membiella


"O simbolismo da cor e da forma de Paco Ascón é a constante dunha obra que se fai evidente en cada cadro, que provoca distintas reaccións emocionais, que fala de efectos sensoriais, trasladando o espectador a un mundo de trilos, aromas e formas, que só poden dar as paisaxes galegas, meigas sutís plenas de realidades duns pinceis que nos falan de poesía".
Josep Lluis Ponce