«Así pois temos en Siro un home que non só observa e afonda no coñecemento dos protagonistas da nosa historia diaria, senón que se nos amosa como un home capaz de interpretar a sociedade e a realidade na que vive. Dende hai algún tempo Siro evolucionou cara a xeitos novos de expresión, sen deixar por isto de traballar as for mas e as liñas que a todos nos son familiares. A incorporación da cor a complexidade dos universos nos sitúa ó personaxe caricaturizado, a procura de vieiros máis próximos ó concepto de mancha pictórica, sen perder ningún dos valores antes mencionados, son elementos que nos informan de que Siro López é un artista en estado permanente de reflexión, un autor en pleno proceso de madureza creadora, que non só traballa a nova informativa e inmediata, senón que recrea e acompaña a colaboración e o artigo literario.»
Francisco X. Fernández Naval
«O Siro pertence a ese eído cultural do humorismo por vocación e con entusiasmo. A súa vocación humoristica fai que a sua sensibilidade, sempre aberta á comprensión, transforme de seu a ironía intelectual en comprensión cordial. Ó cabo, a vida humana é sempre complexa e con frecuencia contradictoria, e o humorista, como agudo observador desa condición, percibe esas contradiccións e ambigüidades, que despertan a ironía da súa intelixencia pero tamén a comprensión da súa sensibilidade. De ai que a inicial risa da burla se convirta en sorrisa da comprensión.
Ademaís da súa vocación expresiva do humor Siro é, entre nós, un dos mellores coñecedores da realidade histórico-artistica do humorismo, así coma do seu profundo significado na auto—revelación da nosas identidade colectiva. Mesmo por eso, ademais da creación persoal e do estudio das manifestacións do humor nas diversas culturas, o entusiasmo do Siro tamén se preocupa de alentalo interés de todos cara a importancia do feito humoristico. Sabe que é un dos medios máis xenuinos da expresión da nosa personalidade, e que non se pode perder»
Ramón Piñeiro
«Siro, como excelente debuxante, sabe que a natureza na súa apariencia nin lle ofrece nin lle suministra liñas; sabe que a liña do debuxo non é punto de imitación dunhas liñas inexistentes no obxecto. Por eso Siro, por saber que unha liña abonda para limita-la forma, refuga as liñas inútiles no seu debuxo. Quérese dicir que Siro sabe que con un trazo audaz, simplificado, prolongado, pode acada-la forma; e que, daquela, o xuizo emitido virá revelado con gracia, Con expresividade, con bondade, con xenerosidade.(...)
(...) O debuxo expresa a bondade comprensiva de Siro en tanto comunica os demais, amable e risoñamente, os contidos ironicos que expresa. Consecuentemente, a liña do seu debuxo é pura, espida, graciosamente ondulada, limpa, amable e suxerente. Nos seus debuxos, por non seren denunciadores nin acusadores, a liña que traza non se alporiza, non perde nunca continuidade, nin se fai zigzagueante en percura do claroscuro.
Siro non traxediza nin condena. Non se alporiza. Siro comprende e sorrí.»
Marino Dónega.
«(...) Siro fai retrato. Os retratos de Siro son sempre debuxos; esto é, liña sen cor e, ademais, sen degrados nen esfumados, sen sombras nen efectos. Nidios. E outra vez o digo: cun marcado instinto do esencial... [Siro] É ademais observador e critico, o que se nota na ilustración que non é apoio do personaxe do dia ou do suceso cotián, senón creación propia, elección de temas sociais e políticos, sempre moralizante. E no retrato decántase plenamente todo esto, coma nunha prolixidade simplificada que transmite moi atinadamente o tenro e fuxidío soplo da vida.»
Alberto Carpo.
«Os debuxos de Siro preséntanse tan honestos na súa meticulosidade e tan belidos na sua precisión técnica, que obrigan ó ollar demorado, atento e pescurador xustamente o que pretenden.»
«O artista olla a realidade, e vea cos seus ollos privilexiados, que descobren o que, de ordinario, somos incapaces de percibilos demais mortais. Por eso necesita expresalo, por eso debuxa. Ó facelo, regálanos a nós o acceso á súa visión: gracias ó milagre da sua arte, tamén os demais podemos dexergar noviña do trinque, orballada co frescor da creación primeira, a realidade no seu ser artístico, val dicir: no seu ser máis íntimo e verdadeiro.»
«O álbum de Siro, denso e sensible, meticuloso e carregado de humor non fica na superficie nin se entrega o capricho da moda ou do tempo: entrando na realidade, penetra deica a esencia. E despois sabe mostrar o que descobre. Eso é -debe ser- a arte.»
Andrés Torres Queiruga.
Siro López Lorenzo empezóu a ser Siro para os lectores dun periódico coruñés. Logo penduróu dibuxos en varias cidades e, a través deles, entróu en moitos fogares galegos. Pero, anque antes publicase algún gromo de álbum en circulación restrinxída, pódese decir que foi con Probes como se deu a conocer ao gran público, xa que o libro, coa súa permanencia e a súa posibílidade de multiplicación, oferece unhas evidentes ventaxas de difusión superiores ás do periódico e mais da exposición. Nestes díbuxos a súa man mostraba xa a seguranza da maestría. O álbum mesmo, como conxunto, tiña unha notable feitura unitaria, propia de quen sabe facer e cuidar o feito. Era un álbum -por decilo en términos agrícolas- co tentemozo ben chantado.
Carlos Baliñas, revista Grial, 1977.
Cando se contemplan as ceras e os pasteis de Siro, irremediablemente entramos nun mundo máxico, poboado por todos os ancestros desde Breogán, sen esquecer as meigas, os trasnos, a Santa Compaña. O demo e todos os "medos" e mitos do Entroido, arraigados na cultura popular.
A linguaxe expresiva de Sitro, magnífico debuxante e galego nordioco de Ferrol, vexoa en sintonía coa obra doutros celtas nórdicos, tamen excelentes debuxantes, como foron os xeniais expresionistas alemans: falo do encanto de Karl Schmidt-Rottluf, da paleta tráxica de Nolde e da sátira asañada de Georg Grosz, que Siro tan ben coñece. E todo iso condimentado cun sentimento da cor que non é nada español, nin sequera latino, Senón que fai lembrar certas obras non abstractas de Kandinsky na súa etapa de Murnau, con manchas moradas, amarelas, púrpuras, azuis profundas e certos acentos brancos virxinais.
Con todo este coktail unha boa dose de elegancia, o noso pintor consegue doadamente estas pequenas "xoias plasticas" de tan rexo sabor galego.
Antonio Tenreiro, en "Siro 30 anos despois"